miércoles, 18 de mayo de 2011

XORNADA DAS LETRAS GALEGAS E INTERNET

A Secretaría Xeral de Política Lingüística infórmao de que a celebración da xornada Letras Galegas e Internet, terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro xoves, 19 de maio. Tamén colaboran a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría Xeral de Medios.

A coincidencia no 17 de maio da celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet constitúe unha boa oportunidade para facer dialogar estes dous elementos decisivos hoxe para o futuro dos galegos e das galegas. As novas tecnoloxías e a lingua son ferramentas básicas para o noso desenvolvemento social e persoal e, cada vez máis, forman parte da configuración da nosa identidade.

A información e as tecnoloxías derivadas das telecomunicacións e da informática como medio para transportala precisan do vehículo lingüístico para chegar ás persoas. A lingua galega, como elemento definitorio da comunidade humana que conformamos, constitúe un valor engadido para que esa chegada sexa efectiva, próxima, empática. Para a lingua galega, pola súa parte, a canle da Internet e das novas tecnoloxías ofrece un novo pulo para a súa difusión, para o seu prestixio, para a multiplicación das súas funcións sociais. Para os falantes, ese diálogo en marcha entre lingua galega e tecnoloxía abre as portas á posibilidade de facer vida en galego.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere aproveitar esta data de festexo para contribuír a difundir entre a sociedade os novos recursos lingüísticos dispoñibles a través da Rede. Con este obxectivo organiza a xornada Letras Galegas e Internet, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 19 de maio, na que tamén colaboran a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría Xeral de Medios. Boa parte destes recursos lingüísticos que se presentan na xornada son aplicacións nas que a secretaría xeral está a colaborar para contribuír á calidade da lingua e ao seu prestixio social, que lle ofrecerán á cidadanía novas oportunidades para sentirse máis segura traballando e comunicándose en galego no lecer e nas relacións a distancia.

A xornada poderase seguir por Internet en directo, de 10:30 a 13:30 h, en
www.cmg.xunta.es/emision/directo/directo.htm

jueves, 12 de mayo de 2011

A LECTURA, UNHA PORTA ABERTA AO MUNDO

Alumnado de 3º da ESO amosando o seu libro




Presentación do día das Letras Galegas na Biblioteca



Alumnado de 1º da ESO exhibindo o marcapáxinas




Co galo da celebración do Día das Letras Galegas 2011, o vindeiro Venres 13 de maio de 2011 realizarase unha actividade para o fomento da lectura en lingua galega. Todo o alumnado do centro será agasallado cun libro de contos en galego e un marcapáxinas conmemorativo. O acto terá lugar na Biblioteca Castelao, onde se realizará a entrega. Os grupos, acompañados polos seus titores/as visitarán a Biblioteca no seguinte horario:

•De 12:35 a 12:45: alumnado de 2º Ciclo de Educación Primaria.
•De 12:45 a 12: 55: alumnado de 3º Ciclo de Educación Primaria.
•De 13:00 a 13:05: alumnado de 1º ESO
•De 13:05 a 13:10: alumnado de 2º ESO
•De 13: 10 a 13:15: alumnado de 3º ESO
•De 13:15 a 13:20: alumnado de 4º ESO

O alumnado de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria recollerán os seus agasallos o mércores 18 de maio en horario de 12:35 a 13:00 (motivo: saída extraescolar o venres 13 de maio)

O alumnado de PCPI recibirá o agasallo a través do seu titor.

Agradecemos ao Concello de Monfero a doazón dos libros.

Esta actividade de fomento da lectura en lingua galega está promovida pola Biblioteca Escolar, o EDLG e o Departamento de AAEE.


martes, 3 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011

Este ano o Día das Letras Galegas  está adicado a Lois Pereiro. 
Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos en febreiro de 1958, está considerado un mito da poesía galega contemporánea. Formou parte do denominado Grupo de Amor e Desamor, un conxunto de dez poetas da talla de Pilar Pallarés, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mato Fondo, Xavier Seoane, Fenán-Vello... A súa obra fai del un autor de culto e representa a renovación e o achegamento aos lectores máis novos.
Para saber mais sobre Lois,  tedes aquí unha serie de ligazóns coa súa biografía, recursos didácticos e demais. Só tedes que picar enriba deles.




 Aquí vos deixameos unha presentación sobre a vida e obra de Lois Pereiro. Picade enriba dela  para vela en grande.

jueves, 28 de abril de 2011

OBRADOIRO DE CONTAR CONTOS













Atrapacontos


O pasado Venres 15 de Abril de 2011 o alumnado e o profesorado da ESO aprenderon das técnicas de creación e narración de contos a través dun divertido obradoiro impartido por Anxo Moure. Misturando a dramatización, o recitado, a improvisación e deixando voar a imaxinación conseguimos inventar e transmitir historias agrupadas cun mesmo denominador común: a Paz e a Solidariedade. A través das técnicas de narración oral podemos contribuír á transmisión de valores como a igualdade, o respecto, a amizade, o amor, etc. Este obradoiro estivo enmarcado na xornada da SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación) celebrada no noso centro, acompañando a outras actividades como a celebración dun rastro solidario e a presentación da campaña da SAME polos técnicos de Entreculturas e de Educación sen Fronteiras en Galicia.


lunes, 28 de marzo de 2011

DANDO MOITO QUE FALAR...

Verónica Dopico e Yolanda Castro no CEFORE de Lugo









“Dando moito que falar…” é o título da ponencia que tivo lugar o pasado luns 28 de Marzo de 2011 no CEFORE de Ferrol, enmarcada dentro do VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, na que as ponentes Verónica Dopico e Yolanda Castro divulgaron a práctica dinamizadora que o EDLG está levando a cabo no CPI Virxe da Cela, en Monfero (A Coruña).



Este título, "Dando moito que falar...", pretende ser un reflexo da nosa filosofía de traballo, xa que nós concibimos a escola coma como un lugar para a interrelación entre os individuos, e para iso é necesario un proceso de comunicación. Tratamos de potenciar unha comunicación fluída, directa, natural, case automática, a comunicación do día a día. Son diversas as actividades que engloban o noso “Proxecto de fomento do uso do galego”, pero é observable un predominio da oralidade, e gran parte das nosas actividades están encamiñadas á creación de situacións nas que o alumnado teña que comunicar, debater, dialogar, entrevistar, charlar, disertar, recitar, contar, manifestar, comentar, cuestionar, explicar, enunciar, propoñer, formular, opinar, isto, é, “dámoslles moito que falar…"



jueves, 24 de marzo de 2011

NOMES DA TERRA E DO MAR





O xoves 24 de Marzo de 2011 o alumnado de educación secundaria recibiu unha amena charla impartida por Xosé Lois Vilar titulada "Nomes da terra e do mar". Durante unha hora e media Xose Lois transmitiu aos mozos e mozas da E.S.O. a súa paixón pola toponimia, explicando un minucioso traballo de pesquisa efectuado na ría de Vigo, nas proximidades de Bayona. Con esta charla pretendíase achegar ferramentas para unha actividade que se está a realizar na materia Proxecto Interdisciplinar, impartido en 1º da E.S.O., que consiste na recollida da microtopinimia da zona de Monfero, buscando informantes no entorno máis próximo dos alumnos e alumnas. Contamos coa asistencia de Ana Outón, do Servizo de Normalización do Concello de Monfero, con quen o E.D.L.G do C.P.I. Virxe da Cela está a deseñar liñas de actuación conxuntas.

lunes, 21 de marzo de 2011

ANTROIDO EN MONFERO




O pasado 18 de Febreiro celebramos o Antroido no C.P.I. Virxe da Cela. A pesar das baixas temperaturas, os nosos alumnos e alumnas e varios profesores/as amenizaron a xornada con bailes, comparsas e disfraces. Realizamos un concurso de disfraces no que participaron todos os grupos de E.I., E.P. e E.S.O. O tema central deste ano foi "As Estacións". Despois do concurso de disfraces e as actuacións musicais disfrutamos un ano mais da degustacion de doces típicos do antroido, grazas a colaboracion do comedor escolar: orellas, filloas, rosquillas...