domingo, 19 de octubre de 2014

BENVID@S AO COLE!!!

As mestras de EDUCACIÓN INFANTIL queremos darvos a BENVIDA  a este novo curso escolar 2014-2015 a tod@s os nen@s  e ás súas familias, é por iso que vos deixamos estas fotos que decoran os corredores de infantil.
ÁNIMO, PACIENCIA, TRANQUILIDADE, ESFORZO, ILUSIÓN e GANAS DE TRABALLAR acompañaránnos todo o curso!!.




sábado, 11 de octubre de 2014

FRASEOLOXÍA NA REDE

A lingua galega conta cunha enorme riqueza fraseolóxica. Para revitalizar e difundir a nosa fraseoloxía, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela realizou un traballo de fraseoloxía no que se visualiza o significado de frases feitas a través de imaxes suxestivas. Aqui tedes unha mostra:


                           

E si queredes utilizar a fraseoloxía en Rede,  tedes unha aplicación para móbiles con case 10.000 refráns. O Refraneiro galego é unha aplicación para iPhone, iPod e iPad que permite consultar os 9.500 refráns que o compoñen, incluso en modo offline (sen estar conectado a internet). A aplicación, que se pode mercar en Apple Store por un prezo de 0,79 euros, tamén permite compartir os refráns nas redes sociais ou a través do correo electrónico.

viernes, 10 de octubre de 2014

XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE



Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais. Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor". 

Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. 

Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971). Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

CONCURSO EXPOSICIÓN LETRAS GALEGAS 2015

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fixo pública o pasado venres, 3 de outubro, a convocatoria do Concurso-exposición do Día das Letras Galegas 2015. O prazo de presentación dos traballos remata o día 12 de xaneiro de 2015. Animamos a todo o profesorado e alumnado do CPI Virxe da Cela a poñer en funcionamento todas as súas capacidades creativas para este certame homenaxe a Xosé Fernando Filgueira Valverde.

miércoles, 1 de octubre de 2014

PROXECTO DRAGAL


O proxecto Dragal é unha iniciativa multimedia de promoción da lectura, da creación e da investigación multidisciplinar en galego con base no libro Dragal I. A herdanza do dragón de Elena Gallego. O alumnado de 1º e 2º da ESO do CPI Virxe da Cela participará neste proxecto, que conta cunha unidade didáctica e un espazo wiki para traballar sobre o libro. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega coordinará este proxecto no que formarán parte os departamentos de Lingua Galega, Relixión, Plástica, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Música.

lunes, 29 de septiembre de 2014

RECURSOS LINGÜÍSTICOS

Comezamos o novo curso recomendando a sección de recursos lingüísticos da páxina Kit para a normalización en rede  .
  (Preme na imaxe)

“Trátase de ligazóns a recursos que che permitirán elaborar textos de calidade e tamén difundir ferramentas útiles entre todas aquelas persoas que desexen mellorar os seus escritos: dicionarios, vocabularios, correctores, tradutores, modelos de documentos…

Preme na imaxe