viernes, 17 de mayo de 2013

CONTACONTOS KALANDRAKA

O xoves 20 de febreiro o alumnado de educación infantil e de 1º ciclo de primaria tiveron unha divertida actividade de dinamización da lectura en galego: os nosos amigos de Kalandraka, que visitan o noso centro ano tras ano e nos axudan a viaxar coa nosa imaxinación. A través de debuxos, textos e música dan vida aos personaxes e aos animais que habitan nos contos.




Luns 18 de marzo. Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria. Os contos tradicionais, os relatos de autor e os clásicos contemporáneos da literatura infantil e xuvenil ocuparon o repertorio da sesión. Os contos seleccionados foron a adaptación do conto tradicional “A galiña roxa” de Pilar Martínez e marco Somá e o clásico “Crictor” de Tomi Ungerer. Nesta ocasión o conto “Os petos de Loreto” de Quentin Blake foi o fío condutor da sesión, a  partires do cal fóronse fiando as demais historias. As melodías, compostas especialmente para cada relato, interpretáronse con instrumentos tradicionais e outros procedentes doutras culturas

O QUE SABEMOS DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Unha curiosa aportación do alumnado de 4º de Primaria sobre o Día das Letras Galegas







jueves, 16 de mayo de 2013

LETRAS GALEGAS 2013 NO CPI VIRXE DA CELA




Adiantamos a celebración do Día das Letras Galegas ao xoves 16 de maio de 2013, xa que o propio día é festivo na nosa comunidade autónoma. Aproveitamos esta ocasión para facer unha celebración conxunta, xa que, ademáis de recordar a Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no 2013, o Departamento de Plástica fixo a entrega dos premios do Concurso de Cubertas de Libros, a Biblioteca Castelao entregou os premios do Concurso Preguntón 2013, e o Departamento de Música amenizou o acto cun repertorio axeitado á data e á ocasión. 

O acto tivo lugar no patio cuberto da escola, e desenvolveuse entre as 12:00 e as 12:30 da mañá. Unha vez máis unha ocasión reune a todo o profesorado e o alumnado do centro, desde os máis peques (Educación Infantil) ata os máis veteranos (4º da ESO) que xa están a saborear os últimos días de estancia neste centro, despois dunha longa traxectoria compartida.

Comeza o espectáculo. No escenario o alumnado de música de 4º da ESO xunto coa súa profesora, interpretando "Santa María, Estrela do Día" con frautas e acordeón. Que mellor que elexir a Afonso X o Sabio para dar inicio a este acto, xa que foi un dos máis importantes precursores da lingua galega escrita. Ao lado dos músicos, os rapaces e rapazas de 3º da ESO exhibían carteis sobre a vida e obra de Vidal Bolaño. Acto seguido Marta Novo, a profesora de Plástica, fixo entrega dos premios do Concurso de Cubertas de Libros, e inmediatamente Pedro García, profesor de Matemáticas e encargado da Biblioteca Escolar, axudado por Mª José Fandiño, a profesora de Ciencias Naturais, repartiron os diplomas e os premios do Concurso Preguntón 2013. 

Para finalizar o acto o alumnado de primeiro bailaron a ritmo de muiñeira unha cantiga con versos relativos aos Maios, e o alumnado de 4º da ESO deleitaron ao público con unha danza xa tradicional no noso cole todos os anos no mes de maio, a Danza de Fitas.

MATERIAIS AUDIOVISUAIS SOBRE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Para afondar na figura de Roberto Vidal Bolaño, ademais da recompilación de actividades da SXPL (http://www.xunta.es/linguagalega/roberto_vidal_bolano), podedes consultar o material audiovisual da CRTVG na seguinte ligazón: http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/letras-galegas-2013
 


martes, 7 de mayo de 2013

LETRAS GALEGAS 2013

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar os carteis e guías das Letras Galegas 2013, ademais dunha selección de materiais e recursos elaborados por distintos centros educativos cos que se pretende contribuír a un mellor coñecemento do destacado dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Podedes acceder dende a seguinte ligazón: http://www.xunta.es/linguagalega/roberto_vidal_bolano

GUÍA DE PRIMARIA


GUÍA DE SECUNDARIA


sábado, 20 de abril de 2013

CONTACONTOS "MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA"







Fai uns días xa vos adiantamos algo sobre as aventuras de Mahán, un simpático e avispado cativo dunha aldea de África que descobre un xeito moi singular para loitar polo dereito á educación de aqueles 61 millóns de nenos e nenas que, vivindo en diferentes áreas da xeografía mundial, non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender. A encargada de transmitir esta historia é Andrea, unha rapaza de 1º da ESO que ten o don de contar historias, e que cautivou ao público asistiente a estas sesións de contacontos, que a observaban boquiabertos e con mirada atenta. E para ambientar este conto de "Mahán e a cadeira vermella" que mellor que realizar simultaneamente a acción de pintar unha cadeira de cor vermella para simbolizar a esencia do noso conto!!! Recordamos que este conto está inspirado na campaña de "La silla roja" lanzada pola ONG Entreculturas, que os textos foron escritos por María, outra rapaza de 1º da ESO, e que as ilustracións correron a cargo de varios alumnos e alumnas de 1º da ESO. Parabéns a todos vós por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación. Pero a historia non acaba aquí, cada un dos grupos que vai visitando a Biblioteca Escolar para descubrir a historia de Mahán, realizan pequenos xogos e dinámicas que lles fai recapacitar sobre a importancia da educación. Esta sesión de contacontos remata obsequiando a cada un dos grupos con unha versión impresa en papel deste conto, para que a leven á aula e traten de imaxinar outro conto posible utilizando como símbolo unha cadeira vermella. Tedes de prazo ate o 1 de xuño para presentar as vosas aportacións, tanto de maneira individual como en grupo, que poderán optar a unhas serie de premios, tendo en conta tanto a calidade artística, a creatividade, así como a importante mensaxe solidaria a transmitir. Esta actividade está organizada por Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e será o encargado de finanzar os premios da convocatoria. Por outra banda a Biblioteca Escolar ofrécenos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias. Queremos facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico onde reunirnos e compartir vivencias, e que as historias viaxen polo aire e non queden atrapadas en libros inertes que soamente viven esquecidos en estanterías. 


OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN CON ANTONIO SEIJAS






Tal como mencionou Pedro García, encargado da Biblioteca Escolar, "que mellor que traer ao noso centro a un dos ilustradores con máis proxección en Galicia para conmemorar o día de hoxe, 23 de abril, Día do Libro". Falamos de Antonio Seijas, aresán de nacemento,  que a pesares de ter uns inicios un tanto difíciles no mundo da ilustración, conseguiu salvar todos os obstáculos coa fórmula máxica: traballar con paixón e facer da creación toda unha forma de vida. Recordou a todos os asistentes a grande importancia do acto da lectura. De feito máis que grandes maestros da ilustración Antonio Seijas bebe da enriquecedora fonte da lectura, tratando de vivir e de desglosar cada capitulo e cada escea dos libros nos que se mergulla para tratar de se apropiar da súa esencia, que nun proceso posterior deixará plasmado nunha imaxe. De aí a importancia de sentir e comprender, moito máis importante que o acto do debuxo en si. 

Antonio Seijas fixo un percorrido visual por toda a súa traxectoria, explicando moitísimas das claves do seu traballo, e desglosando paso por paso ese rico proceso creativo. Parada obrigada as viñetas de "Cartas de Inverno", obra literaria de Agustín Fernández Paz, ou de "Un home feliz", da súa propia autoría. Descubriunos todo tipo de recursos, expresivos e narrativos, dende a utilización das cores, a mestura con técnicas fotográficas, as claves de localización, a psicoloxía das súas personaxes, e a vinculación de todos estes elementos no seu propio universo persoal, dende a observación e análise da realidade e de fontes literarias, musicais, cinematográficas e artísticas en xeral. Amosounos tamén as súas colaboracións con diversos grupos musicais, revisando as cubertas e os libriños de traballos discográficos, e tamén mencionou a inclusión dalgunhas das súas obras visual como elementos do decorado en algunhas series televisivas, así como as súas aportacións á Fundación do cineasta americano David Lynch. 

Igual de enriquecedora foi a segunda parte da charla, na que Antonio Seijas respondeu con grande naturalidade e humildade á ampla batería de preguntas realizada polo alumnado e profesorado alí presente.