Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Catoxo", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015.
E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Cataxo arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…
No hay comentarios:
Publicar un comentario