O Pico Sacro, en Boqueixón, é un lugar máxico
cargado de mitoloxía. Din as lendas xacobeas que o corpo do Apóstolo Santiago,
antes de chegar a Compostela, tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do
dragón que se agochaba no Pico Sacro. Por iso se elixiu este espazo para
celebrar a xuntanza final do Proxecto
Dragal (venres 16 de outubro de 2015), no que participou o noso centro
escolar o pasado curso académico 2015-2016.
Así que, uniformados e totalmente equipados con
escudos e espadas, os rapaces de 2º e 3º da ESO acudiron á cita marcada o 16 de
outubro de 2015, dispostos a loitar pola Fraternidade
do Dragón. Neste caso a forza non era o importante, senón máis ben a
estratexia, a lóxica, o traballo en equipo, a orientación e outras capacidades
que ben tiveron a oportunidade de amosar o alumnado do noso centro…
Durante horas estivemos percorrendo pistas
labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros
educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha
vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol. Non conseguimos
máis premio que a satisfacción de facer as cousas o mellor posible e sentirnos
vencedores da xornada, e ben contentos marchamos cos nosos diplomas debaixo do
brazo. Realmente foi unha xornada moi divertida que deixará por moitos anos a lembranza nas nosas memorias!
Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa.
Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro.
Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado.
Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos.
A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos.
E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.
No hay comentarios:
Publicar un comentario