O próximo xoves, 25 de abril, o Centro de Supercomputación de Galicia, a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organizamos o "Día das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT Day), dirixido especiamente ao alumnado do último ciclo de centros de primaria e secundaria de Galicia. Este ano contamos tamén coa colaboración do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).
O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que vexan as posibilidades e atractivo do ámbito das tecnoloxías para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional. https://www.itu.int/women-and-girls/girls-in-ict/
Para celebralo, ese día no CESGA teremos dúas actividades, unha, virtual, para todos os centros de Galicia e outra, presencial, para alumnado dos centros próximos a Compostela:
COLOQUIO VIRTUAL DE TECNÓLOGAS GALEGAS
CO ALUMNADO DOS CENTROS EDUCATIVOS
Un coloquio virtual dende centros educativos por streaming con 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer a súa traxectoria previa, o día a día do seu traballo, preguntar calquera dúbida sobre este eido profesional ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A apertura institucional do evento será ás 10:45, e o coloquio comezará as 11:00 ata ás 12:30.
No hay comentarios:
Publicar un comentario