miércoles, 21 de octubre de 2015

SAMAÍN








Parabéns á nosa orientadora Verónica Del Río, quen foi quen de mobilizar a todo o CPI Virxe da Cela para celebrar o Samaín máis terrorífico na historia da nosa escola… Non queremos esquecer, por suposto, toda a colaboración ofrecida desde o Departamento de Plástica, así como dos titores/ras, xa que sen o seu apoio esta proposta non tería a magnitude que chegou a alcanzar. Mais, os auténticos protagonistas foron de novo os rapaces e rapazas dos diferentes cursos e niveis, que mostraron unha vez máis a súa grande creatividade, motivación e ganas de traballar en equipo… Ben merece a pena unha visita polos corredores do noso colexio para observar as portas das diferentes aulas, decoradas coas creacións dos nosos alumnos/as. E por ningún motivo deixedes de achegarvos á biblioteca escolar e atravesar o fantasmagórico camposanto coas lápidas dos máis ilustres escritores… Mete medo. Esperemos que á dirección do noso centro non decida utilizar este maquiavélico espazo como aula de mellora. Máis nos vale portarnos ben… mais este comentario sobra, xa que o noso centro caracterízase polo bo clima de convivencia e pola calidade humana do noso alumnado. Estamos orgullosos de vós!


domingo, 18 de octubre de 2015

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)




O Pico Sacro, en Boqueixón, é un lugar máxico cargado de mitoloxía. Din as lendas xacobeas que o corpo do Apóstolo Santiago, antes de chegar a Compostela, tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. Por iso se elixiu este espazo para celebrar a xuntanza final do Proxecto Dragal (venres 16 de outubro de 2015), no que participou o noso centro escolar o pasado curso académico 2015-2016.
Así que, uniformados e totalmente equipados con escudos e espadas, os rapaces de 2º e 3º da ESO acudiron á cita marcada o 16 de outubro de 2015, dispostos a loitar pola Fraternidade do Dragón. Neste caso a forza non era o importante, senón máis ben a estratexia, a lóxica, o traballo en equipo, a orientación e outras capacidades que ben tiveron a oportunidade de amosar o alumnado do noso centro…
Durante horas estivemos percorrendo pistas labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol. Non conseguimos máis premio que a satisfacción de facer as cousas o mellor posible e sentirnos vencedores da xornada, e ben contentos marchamos cos nosos diplomas debaixo do brazo. Realmente foi unha xornada moi divertida que deixará por  moitos anos a lembranza nas nosas memorias!















    Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 
     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 
    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

domingo, 11 de octubre de 2015

viernes, 9 de octubre de 2015

martes, 6 de octubre de 2015

MAIMIÑO

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE







      Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Catoxo", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015. 
    E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Cataxo arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…